Era cuaternaria
A era cuaternaria ou Cuaternario é unha era xeolóxica que se estende dende o final do Noexeno, é dicir, hai 2,588 ± 0,005 millóns de anos ata os nosos días (a IUGS cambiou recentemente o anterior límite de 1,64 millóns de anos).[1] Coñécese esta era tamén como antropozoica (iniciada hai 1 millón de anos) por ser nela cando apareceron os homínidos.O Cuaternario divídese en dous períodos, Plistoceno e Holoceno. Actualmente négaselle a cualificación de era xeolóxica, preferindo referirse ao cuaternario como un sistema xeolóxico (xunto co Terciario), dentro da era cenozoica.
![](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/6/68/Bisonte_de_Altamira.jpg/200px-Bisonte_de_Altamira.jpg)
Climaticamente caracterízase polo enfriamento xeral da Terra, durante as glaciacións que son o fenómeno climático máis importante deste longo período e nas que o norte de Eurasia e América estaban cubertas cunha gran capa de xeo. Considérase que se produciron catro principais, cos seus consecuentes interperíodos. Estas glaciacións foron denominadas (seguindo a escola clásica que toma como referencia Europa central) co nome dos afluentes do río Danubio onde se determinaron as primeiras observacións: Glaciación de Günz, glaciación de Mindel, glaciación de Riss e glaciación de Würm.
Os depósitos continentais e costeiros xunto cos fondos mariños permítennos un coñecemento dos fenómenos que ocorreron, como o desenvolvemento das formacións morénicas, fluvioglaciais, lacustres e eólicas (loess) ou a formación dos últimos relevos alpinos.
Respecto da flora, os fósiles que quedaron ofrécennos unha curiosa similitude coa actual. Máis cambios aconteceron na fauna, onde se aprecia a desaparición dalgunhas especies como os proboscídeos, o oso das cavernas ou o megacero. Pero a grande innovación na vida animal que se produce no Cuaternario é o desenvolvemento do xénero Homo.
Notas
editar- ↑ Cohen, K.M.; Finney, S.C.; Gibbard, P.L.; Fan, J.-X. "International Chronostratigraphic Chart 2013" (PDF). stratigraphy.org. ICS. Consultado o 15 de xuño de 2014.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editar![]() | Este artigo sobre xeoloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre. Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |