Península do Morrazo

O Morrazo é unha península situada no oeste da provincia de Pontevedra, na zona das rías Baixas. Mide uns 40 km. de lonxitude por 10 de ancho, e separa as rías de Vigo e Pontevedra.

Xeoloxía

editar

A península do Morrazo é un exemplo de horst. A elevación do terreo que a conforma debeuse ó afundimento das rías que separa. O seu istmo vai de Ponte Sampaio a Pontevedra.

A súa parte occidental vese desgaxada de norte a sur por unha ampla fendedura tectónica inundada: a Ría de Aldán, que individualiza a subpenínsula do Hío, parroquia máis occidental da comarca do Morrazo. Pola súa parte, o seu extremo meridional e confín da península, Cabo Home, morre a pouca distancia das Illas Cíes (integradas no Parque nacional das Illas Atlánticas).

O Morrazo é unha península montuosa atomizada en ducias de vales, outeiros, e enseadas, que conforman un complexo tecido de unidades individualizadas, ricas e moi humanizadas que albergan unha elevada densidade de poboación. O punto máis alto da península é a meseta da Chan da Carqueixa (628 m), no Monte Xaxán (Domaio).

Os miradoiros de Cotorredondo, Monte do Faro, A Fraga, Agudelo, A Paralaia, A Magdalena, O Balcón do Rei, Varalonga, Liboreiro o Ermelo ofrecen amplas panorámicas da súa paisaxe, desde a ría de Pontevedra á de Vigo.

Demografía

editar

O poboamento do Morrazo é moi disperso, e a maioría dos máis de 200 núcleos de poboación da península se encadran nun contínuum rururbán onde destacan algunhas vilas. A poboación achégase ás 100.000 persoas , cunha densidade de poboación superior a 500 hab./km².

A península correspóndese cos concellos de Cangas, Bueu, Marín e Moaña, así como dúas parroquias de Pontevedra (Lourizán e Salcedo), e catro de Vilaboa (San Adrián de Cobres, Santa Cristina de Cobres, Vilaboa e Figueirido). Cangas é a capital histórica, así como o concello máis poboado.

Dolmen de Chan da Arquiña.

A lista compreta das 29 parroquias pode verse na seguinte táboa:

MunicipioParroquiaPatrónsHabitantes (2021)
CangasCangasSantiago e San Salvador6.828
DarboSanta María7.674
CoiroSan Salvador6.827
O HíoSanto André2.952
AldánSan Cibrán2.427
BueuBueu (San Martiño)San Martiño3.967
Bueu (San Martiño de Fora)San Martiño de Fora3.371
BelusoSanta María2.713
CelaSanta María1.811
A Illa de OnsSan Xoaquín62
ErmeloSantiago63
MoañaMoaña (Virxe do Carme)Virxe do Carme6.231
Moaña (San Martiño)San Martiño1.960
TiránSan Xoán4.495
MeiraSanta Eulalia3.941
DomaioSan Pedro2.036
MarínMarín (Santa María do Porto)Santa María do Porto15.790
Marín (San Xián)San Xián2.695
SeixoNosa Señora do Carme1.903
ArdánSanta María1.516
San Tomé de PiñeiroSan Tomé1.076
MogorSan Xurxo942
O CampoSanta María326
VilaboaVilaboaSan Martiño1.621
CobresSanto Adrán1.457
Santa Cristina de CobresSanta Cristina1.283
FigueiridoSanto André772
PontevedraLourizánSanto André2.959
SalcedoSan Martiño2.029
TOTAL2993.374

Economía e cultura

editar

A pesca e o turismo son as dúas áreas económicas máis destacadas, e a súa riqueza exprésase tamén na cultura, o deporte e a gastronomía da zona.

O deporte das traíñas e do remo en xeral son moi populares, co canonista David Cal á cabeza.

Entre os eventos culturais destaca o Festival Intercéltico do Morrazo, celebrado en Moaña a finais de xullo.

Entre os seus monumentos destacan o cruceiro do Hío, o Dolmen de Chan da Arquiña, os Petróglifos de Mogor ou o Museo Massó.